BASES LEGAIS
Edición 2025/2026
A compañía LEROY MERLIN ESPAÑA, S.L.U., con domicilio social en Alcobendas (Madrid), Avenida de la Vega nº 2 e con C.I.F. B-84818442 (“LEROY MERLIN”) convoca a novena edición do Concurso Escolar “HazloVerde” (o “Concurso”), o cal se rexerá conforme ás presentes bases legais (as “Bases”).
As Bases compleméntanse co Aviso Legal a Política de Privacidade e a Política de Cookies, que deberán ser aceptados integramente con carácter previo á inscrición no Concurso e, unha vez aceptados, entenderanse incluídos nas presentes Bases para os efectos legais oportunos.
1. OBXECTO E ÁMBITO TERRITORIAL
O Concurso ten como obxecto sensibilizar os escolares de 6 a 16 anos sobre hábitos sustentábeis para convertelos en consumidores e cidadáns ecorresponsábeis coa súa contorna, potenciar o seu espírito crítico, como axentes de cambio, e promover a sustentabilidade mediante o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (os “ODS”).
O Concurso está dirixido ao alumnado de Educación Primaria, Educación Secundaria (cursos 1.º, 2.º, 3.º e 4.º), Formación Profesional Básica e Educación Especial do conxunto de todos os centros educativos do Estado, polo que é de ámbito nacional.
A inscrición no Concurso será xestionada polo profesor ou profesora de cada clase que desexe participar de acordo co estipulado na cláusula 4.
2. ÁMBITO TEMPORAL
As datas clave do Concurso son as seguintes:
- O período de inscrición no programa terá lugar entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de abril de 2026, ambos inclusive.
- Cada reto terá unha data de inicio e fin específica:
- Reto 1: 1 de outubro de 2025 - 31 de outubro 2025
- Reto 2: 3 de novembro de 2025 - 28 de novembro de 2025
- Reto 3: 2 de febreiro de 2026 -27 de febreiro de 2026
- Reto 4: 2 de marzo de 2026 - 31 de marzo de 2026
- Reto 5: 1 de abril de 2026 - 30 de abril de 2026
- Premios mensuais: haberá un premio por cada categoría e reto, e publicarase o gañador do mesmo dentro dos dez primeiros días do mes seguinte á súa finalización, na páxina web.
- LEROY MERLIN reserva o dereito de ampliar ou modificar algunha ou todas as datas anteriores se o considera necesario de acordo co réxime previsto na cláusula 12.
3. ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación no Concurso requirirá a aceptación expresa das Bases publicadas no sitio web do Concurso (WWW.HAZLOVERDE.ES) (a “Web”).
LEROY MERLIN reserva o dereito de descualificar os participantes que incumpran as mesmas e, especialmente, calquera participación que vaia en contra destas Bases.
Coa aceptación destas Bases os participantes comprenden os termos e condicións das mesmas e comprométense a cumprir coa normativa vixente que poida resultar de aplicación a este respecto, de modo que polo simple feito de participar no Concurso están a prestar o seu consentimento para someterse ás Bases e á legalidade de forma total e irrevogábel..
A manifestación en contra por parte do participante, independentemente de en que momento se realice, implicará a súa autoexclusión da participación no Concurso e a liberación de LEROY MERLIN de calquera compromiso adquirido co participante.
As presentes Bases atópanse dispoñíbeis na Web e estarán a disposición de calquera persoa que desexe consultalas. Así mesmo, as Bases estarán depositadas ante Notario e serán publicadas no Arquivo Electrónico de bases de Concursos (ABACO), servizo de interese xeral ofrecido polo Consello Xeral do Notariado e publicado en www.notariado.org/abaco.
4. REQUISITOS E MECÁNICA DE PARTICIPACIÓN
A participación no programa educativo é gratuíta, voluntaria e require da observancia e cumprimento dos requisitos que a continuación se relacionan:
- Acceder á Web, completar todos os pasos do formulario de rexistro, aceptar, mediante a marcación das casas habilitadas para o efecto, o Aviso Legal, a Política de Privacidade e a Política de Cookies da Web e as Bases e, por último, confirmar o rexistro.
- Tamén será posíbel a inscrición vía telefónica a través do número gratuíto 900 670 686, aínda que seguirá sendo preceptiva a aceptación expresa das referidas cláusulas a través da Web.
- Enviar en liña, a través da Área Privada do Profesor, a resposta aos retos tal e como se describen na cláusula 6, nas categorías A, B, C ou D, correspondente segundo o curso ao que pertenza a clase participante e dentro do período de inscrición e recepción sinalado na cláusula 2.
- Cada profesor/a obterá o seu usuario e contrasinal para acceder á Área Privada do Profesor.
- Cada profesor/a poderá inscribir unha ou varias clases, cada unha das cales poderá responder a un reto mensual, estando limitada a participación no Concurso a un reto por clase ao mes, non podendo ser coincidentes as respostas entre elas e quedando excluída calquera que sexa posterior á rexistrada en primeiro lugar.
- Cumprir calquera outro requisito establecido nas Bases.
5. CATEGORÍAS DE PARTICIPACIÓN
Poderase participar nas seguintes categorías:
- Categoría A (1.º, 2.º de Ed. Primaria)
- Categoría B (3.º e 4.º de Ed. Primaria)
- Categoría C (5.º e 6.º de Ed. Primaria)
- Categoría D (1.º, 2.º, 3.º e 4.º de Ed. Secundaria e FP Básica)
A categoría A está dirixida a aqueles docentes que participen con alumnos de 1.º e 2.º de Educación Primaria.
A categoría B está dirixida a aqueles docentes que participen con alumnos de 3.º e 4.º de Educación Primaria.
A categoría C está dirixida a aqueles docentes que participen con alumnos de 5.º e 6.º de Educación Primaria.
A categoría C está dirixida para aqueles docentes que participen con alumnos de 1.º, 2.º, 3.º e 4.º de Educación Secundaria Obrigatoria, así como para os que impartan materias en Formación Profesional Básica.
Ademais, o Concurso contempla a inscrición das clases de Educación Especial, que formarán parte da categoría que o docente de cada clase considere que se adecúa máis ao desenvolvemento madurativo e intelectual do seu alumnado. No caso de que a mesa técnica observe discrepancias en relación á categoría na que debería ter participado a clase, a mesa técnica poderá solicitar ao centro escolar un documento asinado pola dirección que acredite que a categoría de inscrición seleccionada se corresponde co nivel da clase de Educación Especial participante.
6. PROPOSTA DE TRABALLO PARA PRESENTAR AO CONCURSO. REQUISITOS
As clases das categorías A, B, C e D (Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional Básica) poderán completar o escape room correspondente á súa idade e para participar deberán enfrontarse aos retos mensuais e poderán decidir en cales participar: un, varios ou todos. Os retos estarán dispoñíbeis na Área Privada do Profesor.
Para iso terán á súa disposición os criterios que deben ter en conta na sección “Categorías e Participación” da Web, en base aos 3 eixos que promoven unha casa sustentábel.
En ningún caso e baixo ningún suposto LEROY MERLIN será responsábel do contido dos traballos que se presenten ao Concurso, responsabilidade que recaerá única e directamente nos participantes con total indemnidade para LEROY MERLIN.
7. CRITERIOS DE AVALIACIÓN DE RETOS
Os retos mensuais serán analizados por especialistas no ambiente, sustentabilidade e pedagoxía, que valorarán os traballos presentados conforme aos seguintes criterios:
- FAINO CREATIVO E INNOVADOR: Avalía a orixinalidade da idea e a súa capacidade para achegar unha solución nova ou diferente a un problema de sustentabilidade do barrio.
- FAINO POSÍBEL: Contempla como de realista é a implementación da idea dentro dun contexto real e con recursos accesíbeis.
- FAINO INSPIRADOR: Valora como a proposta logra inspirar e animar a outros veciños para sumarse ao cambio, fomentando a participación cidadá.
- FAINO CLARO E BEN EXPLICADO: Avalía a forma na que o equipo explicou a súa proposta, asegurando que sexa comprensíbel e ben argumentada.
Declararanse nulos, e por tanto fóra de Concurso, todos os traballos que non se presenten nos formatos apropiados recollidos nestas Bases por cuestións de incompatibilidade de soporte ou de dereitos de autor e que non cumpran o resto dos requisitos da cláusula 6 ou calquera outro recollido nas presentes Bases.
O veredicto dos xurados será inapelábel.
LEROY MERLIN contactará cos gañadores mensuais por correo electrónico ou teléfono a fin de comunicarlles que foron gañadores.
Unha vez seleccionados os traballos gañadores mensualmente serán publicados na Web do Concurso e tamén poderán selo en calquera outro sitio ou soporte conforme ao previsto na cláusula 11.
8. PREMIOS
Premio mensual das categorías A, B, C e D: cada mes, premiarase a mellor idea de cada unha das catro categorías do Concurso, outorgando 300 € (247,93 € sen IVE) por reto e categoría.
A base impoñíbel dos premios (247,93 €) non pode exceder o importe do premio obtido, salvo no caso de facturas con impostos distintos do IVE (como o IGIC ou outros impostos non peninsulares). Nestes casos, a base impoñíbel máis o imposto correspondente non debe superar o importe do premio obtido.
Para o abono de premios, é necesario presentar unha factura previa. Admítense ata un máximo de 2 facturas por clase gañadora.
O obxecto de gasto do devandito premio debe ser unha experiencia para gozar con toda a clase. Pode ser unha merenda, unha visita cultural, o transporte dunha excursión etc. O importe do premio inclúe o IVE, polo que hai que ter en conta que sen IVE a cantidade dispoñíbel será menor. A persoa ou entidade que faga a factura detallará este importe.
Desde o centro educativo ou o provedor que se elixa, debe emitirse a The Modern Kids & Family SL. unha factura co importe do premio, IVE incluído. A factura debe ser emitida polo provedor. Non se aceptarán pagos feitos por particulares nin polo centro educativo directamente.
LEROY MERLIN reserva o dereito de modificar as datas previstas e/ou o premio nacional.
Os premios en ningún caso poderán ser obxecto de cambio, alteración ou compensación a petición do gañador.
LEROY MERLIN reserva o dereito de non entregar o premio a calquera que trate de, ou chegue a, defraudar, alterar ou inutilizar o bo funcionamento e o transcurso normal e regulamentario do Concurso.
9. PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL E CESIÓN DE DEREITOS DE IMAXE
En relación co tratamento de datos persoais realizado no marco do Concurso, incluíndo tanto os identificativos como os especificamente de imaxe e voz, resultará aplicábel a Política de Privacidade da Web.
Adicionalmente, mediante a aceptación das presentes Bases, os/as profesores/as participantes ceden a LEROY MERLIN, en exclusiva, de forma gratuíta, para todo o mundo e sen límite de tempo, con facultade de cesión a terceiros, os dereitos de imaxe e/ou voz que puidesen corresponderlles das gravacións e producións sonoras, audiovisuais e/ou fotográficas realizadas como consecuencia da súa participación no Concurso, coa finalidade de xestionar a súa participación no Concurso, a publicidade do mesmo e os seus resultados.
Así pois, dentro da finalidade anunciada no parágrafo anterior, os/as profesores/as participantes consenten a totalidade de usos, incluída a comunicación pública ou calquera forma de explotación por LEROY MERLIN, que poidan ter as imaxes utilizando os medios e soportes técnicos coñecidos na actualidade e os que puidesen desenvolverse no futuro, e para calquera aplicación, incluíndo neste sentido a posibilidade de publicar, reproducir ou compartir as gravacións fotográficas e/ou audiovisuais, ou partes das mesmas, nos medios ou plataformas, titularidade de terceiros ou de LEROY MERLIN, que a continuación se enuncian de maneira non exhaustiva:
- Redes sociais propias, doutras empresas do Grupo ADEO (ao que pertence LEROY MERLIN) ou de terceiros: A Comunidade LEROY MERLIN ou Workplace, Facebook, Twitter, Instagram, Google, Pinterest, Linkedin, Hogar Útil, Flickr, Tumblr. Web: www.leroymerlin.es., www.hazloverde.es e www.corporativo.leroymerlin.es/Publicidad: a través de folletos, de artigos de prensa e de display publicitario, en medios de comunicación audiovisual como TV e radio.
- Tendas de LEROY MERLIN.
Todo iso coa única condición e limitación daquelas utilizacións ou aplicacións que puidesen atentar contra o dereito á honra nos termos previstos na Lei Orgánica 1/1982, de 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe.
Os/As profesores/as participantes manifestan expresamente baixo a súa responsabilidade, con total indemnidade e plenos efectos liberatorios para LEROY MERLIN, ter solicitado o consentimento expreso de todos os terceiros que aparecen nos traballos presentados (no caso de menores, dos seus pais ou titores legais), para a comunicación dos seus datos persoais e dereitos de imaxe a LEROY MERLIN co mesmo alcance e para as mesmas finalidades recollidas nos parágrafos anteriores.
Con todo, LEROY MERLIN reserva a posibilidade de solicitar novamente a eses terceiros a súa autorización para a comunicación dos seus dereitos de imaxe e tratamento de datos persoais. O anterior configúrase como unha facultade e non como unha obrigación, polo que en ningún caso LEROY MERLIN asumirá responsabilidade algunha en caso de non facelo.
10. PROPIEDADE INTELECTUAL E INDUSTRIAL
Ao participaren no Concurso, os participantes ceden a LEROY MERLIN, en exclusiva, todos os dereitos de explotación, sen exclusión de ningún, sobre os traballos presentados ao Concurso, de tal maneira que LEROY MERLIN queda facultado para fixar, editar, reproducir, distribuír, poñer a disposición do público, comunicar ao público e transformar o citado material, a intervención no material e calquera elemento dos mesmos, en todo ou en parte, por si ou por terceiros (estando por tanto amparada a cesión a terceiros), en calquera medio, soporte ou plataforma, en todo o mundo, durante o tempo que permite a lexislación aplicábel, sen percibir por iso remuneración algunha.
Neste sentido, os participantes garanten o uso pacífico dos dereitos cedidos e, en concreto, que as obras ou marcas contidas nos traballos proporcionados están libres de calquera dereito exclusivo ou de protección de terceiros que impida ou poida menoscabar o mesmo a LEROY MERLIN. En virtude diso, o participante obrígase a manter indemne a LEROY MERLIN respecto dos custos, gastos, pretensións de indemnización, obrigacións ou danos que puidesen derivarse de accións de terceiros fronte a LEROY MERLIN por entender infrinxidos tales dereitos.
Os profesores fan, respecto aos dereitos de explotación das achegas dos alumnos, idéntica manifestación que a realizada respecto ao tratamento dos seus datos persoais e dereitos de imaxe, isto é, que están autorizados para a cesión dos citados dereitos de explotación en favor de LEROY MERLIN co mesmo alcance previsto no primeiro parágrafo desta cláusula 11.
11. MODIFICACIÓNS E/OU ANEXOS
LEROY MERLIN reserva o dereito de realizar modificacións ou engadir anexos sobre as presentes Bases en relación coa súa mecánica e premio, sempre que as mesmas estean xustificadas ou non prexudiquen aos participantes, que se realicen dentro do período de vixencia do Concurso e que se comuniquen a estes debidamente.
LEROY MERLIN non será responsábel se, por caso fortuíto ou de forza maior, o Concurso, incluídos os premios, non puidese levarse a cabo nalgún dos seus termos especificados nas presentes Bases, sen outra obrigación para LEROY MERLIN (cítanse como tales e con carácter simplemente enunciativo, sen prexuízo da existencia doutros feitos que poidan ser considerados e/ou asimilados a supostos de forza maior, entre outros, desastres naturais, condicións meteorolóxicas inusualmente adversas, fallos nas redes de comunicación, actuacións e decisións gobernamentais, pandemias e epidemias). En tal caso, LEROY MERLIN poderá optar pola publicación dunha nova mecánica polo mesmo medio para a difusión inicial do Concurso, a procura dunha alternativa ou simplemente a anulación, sen que se xere ningún tipo de responsabilidade para LEROY MERLIN calquera que sexa o escenario. Igualmente, LEROY MERLIN non será responsábel polo mal funcionamento da Web.
13. NULIDADE.
Se calquera previsión das presentes Bases fose declarada, total ou parcialmente, nula ou ineficaz, tal nulidade ou ineficacia afectará tan só á devandita disposición ou parte da mesma que resulte nula ou ineficaz, subsistindo en todo o demais o resto de Bases e téndose tal disposición ou parte da mesma que resulte afectada por non posta, salvo que, por resultar esencial ás presentes Bases, houbese de afectalas de forma integral.
14. XURISDICIÓN E LEI APLICÁBEL.
As presentes Bases interpretaranse e rexeranse de conformidade coa lexislación española. Para calquera cuestión litixiosa derivada da existencia, acceso, utilización ou contido das Bases, o participante e LEROY MERLIN renuncian expresamente a calquera outro foro que puidese corresponderlles, someténdose á xurisdición e competencia exclusiva dos Xulgados e Tribunais de Madrid capital.